Os propietarios e xestores de montes incluídos en calquera das unidades de certificación de grupo xestionadas por SELGA Xestión Forestal Sostible deben de cumprir coa normativa en vigor en cada momento, comprometéndose ademais a respectar unha serie de recomendacións que están recollidas en diversos códigos de boas prácticas que lle permitirán garantir unha xestión forestal sostible, o que permitirá responder dun xeito máis adecuado aos requirimentos que se lle poderán facer dentro do proceso de control de adscritos.
En relación coa silvicultura e a xestión forestal a realizar en montes certificados por parte dos propietarios e xestores, o Grupo SELGA Xestión Forestal Sostible ten elaborado un Código de boas prácticas para propietarios e xestores de montes certificados (código SLG-MAN-01) que conten recomendacións e observacións en relación coa ordenación de montes, co cumprimento da lexislación vixente, cos traballos de rexeneración das masas, cos traballos de aproveitamento, co mantemento e creación de vías e camiños, coas pragas ou enfermidades, coa prevención de incendios, co adecuado uso de produtos químicos, coa seguridade e saúde no traballo; coa emisión de contaminantes atmosféricos, coa produción de residuos non forestais, coa protección de elementos culturais, coa formación do persoal, coa prevención da erosión, cos traballos por conta allea e co uso social e recreativo do monte.
Ademais, tamén se ten elaborado dous códigos de boas prácticas en relación coa execución de traballos silvícolas en montes certificados. O primeiro deles, o Código de boas prácticas para xerentes de empresas de silvicultura (SLG-MAN-02), pretende dar indicacións específicas para os responsables dos equipos de traballo que desenvolvan labores silvícolas en montes certificados. Este código de boas prácticas compleméntase co Código de boas prácticas para operarios de traballos silvícolas (SLG-MAN-03), dirixido especialmente aos traballadores.
Por último, tamén se ten elaborado un Código de boas prácticas na construción e mantemento da rede viaria (SLG-MAN-09) onde se fai referencia ao marco legal que afecta a este tipo de obras, os elementos de drenaxe e ás medidas xerais a considerar durante a realización dos traballos.
Todos estes códigos de boas prácticas están a disposición dos adscritos e empresas que desenvolvan traballos en montes incluídos en calquera das unidades de xestión forestal que xestione o Grupo SELGA Xestión Forestal Sostible. Poden ser solicitados de xeito presencial en calquera das oficinas da Asociación Forestal de Galicia ou SELGA, a través de chamada telefónica ao número 986660864, ou ben a través de correo electrónico (certificados@selga.es).
Preme no seguinte enlace para validar certificados anteriores a 2022
Escribe a continuación o código para verificar o teu certificado.