Tal como se establece no Protocolo de Admisión de Montes (SLG-PRO-02) do Grupo SELGA Xestión Forestal Sostible, a Entidade de Grupo pon a disposición dos propietarios e xestores de montes, formularios mediante os cales poderán solicitar a entrada no Grupo. O único requisito para solicitar a súa entrada no Grupo é ser xestor dunha propiedade forestal que se vaia a incluír en calquera das unidades de certificación de grupo que xestione SELGA Xestión Forestal Sostible.
Na actualidade hai dúas unidades de certificación de grupo creadas: A Unidade de Certificación de Grupo PEFC e a Unidade de Certificación de Grupo FSC.
Presentación das solicitudes
Xunto coa solicitude para incluír unha determinada parcela forestal no Grupo, deberá presentar o instrumento de ordenación ou modelo silvícola co que se xestione a superficie que se pretende certificar, así como a documentación que acredite a propiedade desa parcela e, no caso de que a persoa que solicita a entrada non sexa o propietario da parcela, o modelo de delegación da xestión.
Todos estes formularios están a disposición dos propietarios ou xestores, podendo ser solicitados por correo postal ou de forma presencial en calquera das oficinas da Asociación Forestal de Galicia e SELGA (na rúa do Vilar nº 33, 15705 Santiago de Compostela ou no lugar da Portela-Xinzo nº34, 36891 Ponteareas), por teléfono no número 986660864, ou ben por correo electrónico no enderezo certificacion@selga.es
O equipo técnico de SELGA analizará a información aportada, comprobando a cantidade, forma e calidade desa información. Se os datos aportados polo propietario ou xestor forestal non se consideran suficientes, ou presentan evidencias de non conformidades, emitirase unha solicitude de corrección das non conformidades detectadas. De non recibir información do propietario ou xestor nun prazo de tres meses, darase por arquivada a solicitude. Se as aclaracións ou documentación remitida polo solicitando seguen presentando evidencias de non conformidades, o equipo técnico de SELGA poderá realizar unha inspección de campo co obxectivo de solucionar as non conformidades detectadas ou rexeitar a solicitude. De igual xeito, a criterio do equipo técnico, poderanse realizar inspeccións de campo, tanto en superficies de grandes dimensións como naquelas que presenten unhas características especiais.
A aceptación ou inclusión de propietarios de montes ou xestores forestais faise efectiva no momento que o Comité Técnico aproba a proposta presentada pola Secretaría Técnica, adxudicando un número de rexistro definitivo. A adscrición mantense efectiva mentres dure o período de vixencia do instrumento de ordenación co que se xestiona a superficie, pudendo ser prorrogada na medida que se renove ese documento, ou ben ata que se produzan non conformidades que non sexan solucionadas e que puidesen provocar a expulsión do Grupo.
A Secretaría Técnica de SELGA Xestión Forestal Sostible será a responsable da creación, identificación, control, conservación e actualización dos rexistros. Na medida do posible estes rexistros deberán ser informatizados, mantendo gardada toda aquela documentación que resulte máis relevante.
Preme no seguinte enlace para validar certificados anteriores a 2022
Escribe a continuación o código para verificar o teu certificado.