Unha xestión forestal sostible apoiase nunha ordenación forestal que permita acadar os obxectivos que se establezan para unha determinada unidade de xestión. Para mellorar a xestión dos montes certificados faise necesario dotar aos seus xestores e técnicos das ferramentas que permitan optimizar o seu traballo, de aí que no Grupo SELGA Xestión Forestal Sostible se elaborasen unha serie de manuais e guías que faciliten adecuar a xestión que se realice nun determinado monte a ese obxectivo.
Unha primeira mellora que é necesario afrontar é a da xestión de toda a documentación relacionada coa unidade de xestión. O manual Xestión documental (SLG-MAN-07) fai un repaso de toda a documentación relevante que debe gardar o xestor para dar cumprimento ás normas e estándares de certificación forestal. Tamén se engadiu un Manual de igualdade e equidade (SLG-MAN-36) para dar resposta ás necesidades de mellora en materia de igualdade de xénero.
Cóntase tamén cun manual de Xestión de residuos non forestais (SLG-MAN-08) que permitirá afrontar de maneira sostible e eficiente a xestión de todos aqueles residuos que non teñan unha orixe forestal e que deben contar cun protocolo de recollida que minimice o impacto que xeran sobre o ecosistema. Con obxectivos parecidos, elaborouse a guía para a Avaliación de riscos ambientais e sociais de pesticidas (SLG-MAN-35).
Para os técnicos que desenvolven os traballos de ordenación dos montes incluídos nas unidades de certificación de grupo elaboráronse varios manuais que permitan homoxeneizar a resposta aos diferentes indicadores técnicos. A Guía informativa sobre defoliación (SLG-MAN-10) permite facer un diagnóstico máis preciso do grado de defoliación das masas presentes na unidade de xestión. A este grupo de documentos tamén habería que engadir o Manual para a avaliación de desastres naturais (SLG-MAN-35) e a Guía do nivel de mecanización (SLG-MAN-25) para axustar mellor os custes da unidade de xestión.
Outros aspecto relevante para o que pareceu adecuado crear unha guía para os técnicos que levan a cabo labores de ordenación na superficie certificada, foi todo o relacionado co seguimento de áreas de alto valor de conservación, elaborando o Manual para a identificación e seguimento das áreas de alto valor de conservación (SLG-MAN-30), que permitiu implantar un método máis obxectivo á hora de identificar este tipo de áreas. Este manual complementouse tamén co Manual para a protección do patrimonio cultural (SLG-MAN-31).
Todos estes manuais están a disposición dos adscritos, técnicos e empresas que desenvolvan traballos en montes incluídos en calquera das unidades de xestión forestal que xestione o Grupo SELGA Xestión Forestal Sostible. Poden ser solicitados de forma presencial en calquera das oficinas da Asociación Forestal de Galicia ou SELGA, a través de cahmada telefónica ao número 986660864, ou ben a través de correo electrónico (certificados@selga.es).
Preme no seguinte enlace para validar certificados anteriores a 2022
Escribe a continuación o código para verificar o teu certificado.